Imos informarvos do novo proxecto Erasmus+, subvencionado pola Unión Europea, que nos foi aprobado e que imos levar a cabo neste curso 2022/23. Trátase dun proxecto KA122, e o seu título é "As vacinas agora e no pasado. Unha aproximación de xénero á ciencia"; este proxecto vai destinado a alumnado de 3º da ESO.
Os obxectivos deste proxecto son:
.en 1º lugar, contactar cun centro estranxeiro e intercambiar vivencias e experiencias con el. Neste caso trátase do Agrupamento de Escolas Latino Coelho, en Lamego, Portugal.
.en 2º lugar, fomentar a competencia en linguas estranxeiras do alumnado, en portugués e inglés, para comunicarse con outro alumnado da súa idade. Fomentar así mesmo a súa competencia dixital, para facer presentacións ou comunicarse online con ese alumnado.
.3º, favorecer a inclusión de alumnado con distintos tipos de dificultades (socioeconómica, de aprendizaxe, físicas), para que poidan ter a posibilidade de realizar actividades que doutra maneira non levarían a cabo.
.e, por último, e tal e como se expresa no título do proxecto, facer unha análise de como nos afectou a pandemia na nosa vida diaria persoal e social, en que nos axudaron as vacinas a superala e o seu papel na historia. Tamén, mulleres relevantes no ámbito científico e histórico, en especial as de ámbito local, como Isabel Zendal.
Cómpre destacar que o centro portugués tamén ten un proxecto aprobado similar ao noso ("As vacinas agora e no pasado"), e que ao longo do proxecto haberá visitas preparatorias de profesorado a ambos os 2 centros, e tamén mobilidades de alumnado aos 2 centros, cunha duración dunha semana.
Seguro que este proxecto ha de ser do interese do noso alumnado e profesorado.